O Aro.
O xogo consistía, tradicionalmente, en facer rodar, en equilibrio, un aro (que antiguamente se fabricaba a partir dun caldeiro vello ou coa roda dunha bicicleta, aínda que hoxe en día, usamos máis os de diferentes plásticos e similares ). Para suxeitar o aro, podemos usar unha guía, que é un pao con forma de gancho na punta (inicialmente era un arame, pero foi substituido polos mesmos materiais que usamos hoxe en día para os aros).
Material: Un aro
Cando acadamos a habilidade necesaria, podemos facer xogos e competicións varias de velocidade, habilidade, realizar circuitos, …
Os zancos.
Os zancos son un xogo popular que, ademáis de fomentar o valor lúdico, traballan o equilibrio corporal. Orixinariamente, foron empregados para superar regueiros ou zonas con lama. Reciben, segundo a zona, o nome de zancos, andas, tamancas ou tamancos.
Non hai unha regra básica que obrigue a facer uso dos zancos nun terreo de xogo determinado.
Máis ben, precisa de diferentes superficies e alturas para ser lúdico e educativo a un tempo.
Os zancos soen estar feitos de madeira (ainda que agora empezan a aparecer algúns de PVC e materiais similares) e cuns topes para pousar os pés –dúas alturas de 15 e 45 centímetros aproximadamente– que poden ser axustables ou non. Hai que tratar de movelos coas mans e os pés simultáneamente, compensando a acción de brazos e pernas, e tratando de non perder o equilibrio. Podemos facer percorridos por zonas determinadas ou facer circuitos con diferentes obstáculos (conos, picas, aros, colchonetas,… ).